Thursday 16 de May de 2024

Mar Pereira destaca a importancia da formación continua en TIC para para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais


A directora da Amtega lembra que o Plan de Inclusión Dixital, recentemente aprobado, contempla medidas para incrementar as competencias dixitais e evitar a segunda fenda dixital

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, sinalou que a rápida evolución tecnolóxica destes anos xerou a demanda de habilidades e competencias dixitais en todos os sectores e, por iso, é fundamental tanto fomentar vocacións tecnolóxicas como ofrecer á cidadanía ferramentas para a capacitación dixital.

Neste sentido, Mar Pereira, destacou que o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, recentemente aprobado, fai foco en incrementar as habilidades dixitais dos galegos para mellorar as súa empregabilidade e facilitar o progreso no eido laboral. Trátase, indicou, de evitar a denominada segunda fenda dixital sen perder de vista o labor de alfabetización e a tención ás novas tendencias como a innovación social dixital.

Pereira realizou estas declaracións durante a inauguración en Ourense da segunda Campaña 1 mes, 1 profesión dixital, na que estivo acompañada do alcalde, Jesús Vázquez e do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez. Estre primeiro encontro aborda o Big Data e, ao longo do ano, desenvolveranse seis xornadas en total.

A xornada celébrase no Centro de Coñecemento La Molinera, onde tamén se atopa a aula da Rede CeMIT da cidade, que este año acaba de ser recoñecida como aula de referencia por dispor dun alto nivel de actividade en iniciativas de alfabetización dixital, capacitación dixital e inclusión social dixital.

Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data (datos masivos). Os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.

Programa e relatores
A primeira intervención corre a cargo de David Losada, director do Master BIG Data da USC.
A continuación falarase de “Boas Prácticas en Big Data”, a través das experiencias de ABANCA e PSA Groupe. Os relatores serán Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Groupe, quen disertará ao redor dun relatorio cuxo título é “Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos” e por parte de ABANCA intervirán Jorge García Romarís e José Valiño.

Como remate da xornada está previsto un debate entre os relatores e o público. A organización prevé que o encontro remate contra as dúas da tarde.

1 mes, 1 profesión dixital
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o mes de abril do ano pasado e incluíu un ciclo de seis xornadas. Co encontro de Ourense iníciase a segunda edición desta campaña que ten por obxectivo xeral o de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado no presente ano entre o CPEIG e a Amtega.